05 Xuñ “O teletraballo vai baixar, pero non ao nivel que tiñamos antes”
5 de xuño de 2020. O presidente do grupo Altia, Constantino Fernández, subliñou hoxe no encontro #EmpresaFamiliarComparte a importancia do teletraballo nas empresas e o seu impulso coa crise do coronavirus, unha modalidade cuxo uso augura que diminuirá pasada a crise, pero que chegou para quedar. “A presenza nas oficinas vai cambiar: este nivel de teletraballo que temos agora vai baixar, pero non ata o nivel que tiñamos antes”, indicou no coloquio A empresa familiar: reactivando a economía española no que participou xunto con Mónica Duart, conselleira delegada de Dormitienda, e Enrique Fernández-Delgado, director xeral de Urdecon.
Fernández salientou o grande impulso á transformación dixital que supuxo a crise sanitaria en numerosos sectores da economía e en ámbitos como a tramitación. “Penso que a partires de agora vai haber un teletodo, pero hai que manexar a oportunidade e isto non vai saír ben só porque un manexe tecnoloxía: haberá empresas, países e sectores que saian mellor que outros”, apuntou o empresario, quen puxo de manifesto a importancia de traballar no sector tecnolóxico, mais tamén a dificultade de captar novos clientes nunha situación de crise como a actual.
A necesidade de implementar a colaboración público-privada, impulsar medidas de apoio a empresarios e emprendedores que contemplen un alivio fiscal, formación e mentoring, aliñar a fiscalidade ao crecemento económico e avanzar cara un novo modelo fiscal foron algunhas das propostas en materia económica que introduciron os tres relatores. “Estamos nunha economía globalizada e dixitalizada e seguimos co mesmo modelo fiscal de antes. Necesitamos un novo modelo”, anotou o presidente de Altia.
O encontro, no marco do ciclo #EmpresaFamiliarComparte organizado polas dezaoito asociacións territoriais da empresa familiar en España, contou coa participación do presidente e a directora da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira e Margarita Hermo, que salientaron que os equipos e as persoas son unha “preocupación continua e constante” para as empresas familiares, e especialmente en momentos de crise como a actual.