24 Nov O V Foro de Conselleiros pon o foco no futuro e a recuperación
24 de novembro de 2021. O Foro de Conselleiros organizado pola Asociación Galega da Empresa Familiar e APD inicia hoxe a súa quinta edición coa ollada posta no futuro e a recuperación económica de Galicia. Expertos en economía, empresa, consultoría e finanzas abordarán as oportunidades da dixitalización para as empresas, o equilibrio entre as vantaxes da tecnoloxía e o risco da fenda dixital ou como adaptar as estratexias empresariais para que as organizacións funcionen como axentes do cambio social.
A presidenta da comisión de Sustentabilidade de Indra, Silvia Iranzo, a presidenta de WAS España e directora de Sustentabilidade de Ikea, Mónica Chao, e o conselleiro delegado de Kaleido Ideas&Logistics, Xoán Martínez, abordarán as características da era do propósito empresarial. Sobre recuperación, riscos e perspectivas para 2022 intervirán Francisco Uría, Banking&Capital Markets Global Head de KPMG e socio responsable do sector financeiro da consultora en España, e Antonio Román, director de empresas e institucións de Banco Santander. A análise sobre a onda da dixitalización irá a cargo da directora de Innovación de Congalsa, Mónica Cascallar, e o presidente executivo de Intasa, Juan Díaz Arnau.
Víctor Nogueira, presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, será o encargado da apertura do foro, xunto co vicepresidente de APD na zona noroeste, Roberto Tojeiro, e a directora territorial en Galicia do Banco Santander, Rocío Pazos. A clausura irá a cargo do conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos.