O VIII Encontro de APD e AGEF reúne a un centenar de asistentes en Santiago

02 de abril de 2025.– Un centenar de participantes asistiron onte ao VIII Encontro de conselleiros/as e alta dirección, xestión de riscos e oportunidades: de que están a falar os consellos?’, que organizamos en Santiago de Compostela, en colaboración con APD Noroeste e co patrocinio de KPMG.

A directora de APD Noroeste, Ana Sánchez, a directora da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF), Margarita Hermo, e o socio responsable de KPMG en Galicia, Daniel Fraga, foron os encargados de abrir a xornada cunhas breves palabras de benvida.

Durante a súa intervención, Margarita Hermo puxo en valor tanto a importancia da empresa familiar na economía, pola súa contribución á riqueza e na creación de emprego, como o seu modelo de gobernanza baseado na resiliencia, visión de longo prazo, boas prácticas, innovación e profesionalización, que permite a transmisión do legado familiar de xeración en xeración. “A preocupación polos aspectos éticos, ambientais e de arraigamento ao territorio, son características propias das empresas familiares e deben supoñer un factor diferencial na incerta contorna actual, con cambios tecnolóxicos e xeopolíticos, aos que non somos alleos”, sinalou a directora de AGEF.

Programa e relatores de alto nivel

O socio responsable de KPMG en Galicia, Daniel Fraga, e Olalla Cuiña, conselleira delegada de INASUS, compartiron durante a xornada temas de gran interese para os consellos como os novos modelos de negocio, a transformación sostible, o reto do talento, o liderado ou a transformación dixital baseada en ética e valores .

Pola súa banda, Daniel García San Martin, manager de Technology Risk de KPMG en Galicia, e Alfredo Ramos, director de R e MasOrange, falaron de ciberestrategia e ciberresilencia como prioridades estratéxicas en todos os sectores de actividade.

José Manuel Otero, director xeral de Disashop, María Couto Alonso, CEO de Xeal, Pedro Regojo Balboa, secretario xeral de Hijos de Rivera, e o director responsable de Deal Advisory de KPMG en Galicia, Diego Comendador, exploraron as oportunidades e factores da contorna para incidir en como afectan nos plans de crecemento e expansión das empresas galegas.
A gobernanza como oportunidade para as empresas familiares foi o tema central da última mesa de debate, moderada por Eva Hernando, socia responsable da área de Legal de KPMG en Galicia, na que interviñeron Carmen Lence, presidenta de Grupo Lence, Tona Martínez, conselleira de Finsa, e Xoán Martínez Reboredo, director xeral de KALEIDO, Ideas & Logistics. Os directivos e conselleiros expuxeron as súas experiencias e aprendizaxes, destacando, entre outros temas, a importancia de definir protocolos previos nos procesos de sucesión das empresas familiares.

Pé de foto: Mesa de debate sobre a gobernanza das empresas familiares