Os empresarios galegos no compromiso coa formación

29 de outubro de 2019. O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF), Víctor Nogueira, subscribiu en Murcia unha declaración institucional conxunta para impulsar unha reforma do modelo educativo, coa fin de adaptalo á realidade e ás necesidades das persoas e as empresas, e que tamén asinaron os presidentes do Instituto da Empresa Familiar e das 18 Asociacións Territoriais no marco do XXII Congreso Nacional de Empresa Familiar.

Baixo o título Un paso adiante en educación, a declaración pon de manifesto a vontade das empresas familiares galegas e do resto de España para construir un modelo económico que permita afrontar os constantes cambios da realidade, plantexando propostas construtivas e de longo alcance, como adaptar a formación aos requerimentos dos novos empregos, un modelo educativo e de formación máis flexible e orientado á realidade, as novas tecnoloxías e ao futuro, e un debate sen plantexamentos ideolóxicos no que se impliquen activamente empresas, axentes sociais, Goberno, partidos políticos e Administracións.

Compromiso coas persoas

Durante o XXII Congreso Nacional de Empresa Familiar, Víctor Nogueira participou na mesa redonda A Empresa Familiar e o seu compromiso coas persoas, na que tamén interviñeron Juan Manuel González Serna, presidente do Grupo Siro, e Alfonso Sesé, presidente da Asociación de la Empresa Familiar de Aragón, moderados por Antonio Román González, director de Banca Comercial en Santander España.

“O efecto sede é a mellor mostra de compromiso coas persoas. Non só xeramos riqueza e emprego: somos as empresas que vivimos aquí, que queremos quedar aquí e que, polo tanto, contamos coas persoas que somos de aquí”, sinalou Nogueira, quen salientou que a inversión social das empresas con sede en Galicia ascende a 98 millóns de euros.

O presidente de AGEF tamén manifestou a aposta das empresas galegas de propiedade familiar pola formación. “É indiscutible que as empresas familiares apostamos pola formación. Vémolo, por exemplo, coa formación profesional dual, que está a orientar e adecuar a formación das persoas novas –e non tan novas– cara as necesidades do mercado de traballo, e isto benefícianos a todos, ás empresas e ás persoas na busca de traballo”, explicou.

Diante dos 600 empresarios asistentes ao congreso, organizado polo Instituto de Empresa Familiar (IEF) coa colaboración da Asociación Murciana da Empresa Familiar (Amefmur), e patrocinado por Banco Santander e KPMG, o presidente do instituto, Francisco Riberas, destacou a importancia dun goberno estable e de conseguir amplos consensos para abordar os grandes temas que marcarán o futuro de España, como a educación, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico ou o sistema de pensións.

O XXI Congreso Nacional de Empresa Familiar foi inaugurado polo rei Felipe VI, a ministra de Economía en funcións, Nadia Calviño, e o presidente da Región de Murcia, Fernando López Miras.