Os ‘Fórum Jóvenes de Empresa Familiar’ de Galicia, Castela e León e Madrid visitan as sedes de Hijos de Rivera e o grupo Nauterra

16 de outubro 2024. Durante os días 10 e 11 de outubro, o Fórum Familiar Galego da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) organizou, en colaboración cos Fórum de Jóvenes de Empresa Familiar de Castela e León (EFCL) e da Asociación da Empresa Familiar de Madrid (ADEFAM), senllas visitas ás compañías familiares Hijos de Rivera (Estrella Galicia) e Nauterra (Calvo).

A actividade de networking iniciouse o 10 de outubro na Coruña, onde os mozos das empresas familiares de Galicia, Castela e León e Madrid visitaron Mega Mundo Estrella Galicia, o único museo de cultura cervexeira de España, situado na mesma fábrica de Estrella Galicia. Alí tiveron a oportunidade  de manter unha interesante charla coa familia Rivera, propietaria da compañía, e coñecer a historia desta empresa familiar, fundada en 1906, e a súa traxectoria ata converterse nunha cervexeira de renome internacional.

Ao día seguinte, os participantes trasladáronse á sede e fábrica de Nauterra, grupo familiar propiedade da familia Calvo, en Carballo (A Coruña), para visitar as instalacións e coñecer a historia deste grupo conserveiro. Desde a apertura da súa primeira fábrica en 1940, Nauterra é na actualidade unha compañía multinacional con oficinas en sete países e presenza noutros 70, coas súas marcas Calvo, Nostromo e Gomes da Costa.

Ambas as visitas encádranse no programa de actividades, xornadas formativas e encontros con personalidades da economía e a empresa, que os Fórum de Mozos das asociacións da empresa familiar realizan ao longo do ano, co obxectivo de adquirir habilidades e ferramentas, que lles permitan liderar nun futuro os seus proxectos familiares. O programa conta ademais co respaldo de ABANCA.