05 Nov Os Fórums Familiares de AGEF e ADEFAM reúnense en Madrid
5 de novembro de 2025.– Os Fórums Familiares de AGEF e ADEFAM participaron a semana pasada nun encontro conxunto en Madrid, que empezou o 29 de outubro cunha cea-coloquio con Domingo Legua Cruz, director de Estratexia de Marketing de LALIGA, en Praza Mahou, no Estadio Santiago Bernabéu.
Os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer a actividade de LALIGA, articulada como unha asociación e considerada como unha das principais propiedades deportivas globais, cunha agrupación de 42 clubs profesionais de fútbol de Primeira e Segunda División.
Durante o coloquio, liderado por Antón Fonseca, presidente do Fórum Familiar de AGEF, os participantes interesáronse polas claves da estratexia empresarial e de márketing que levou o modelo de negocio de LALIGA ás aulas das principais escolas de negocios para o seu estudo como caso de éxito. Legua explicou nas súas intervencións a evolución de LALIGA, desde unha competición doméstica a un evento de interese global, que reúne a unha comunidade de máis de 200 millóns de seguidores, en 16 plataformas e 20 idiomas diferentes. Entre outros aspectos interesantes, a conversación tamén se centrou na innovación, sustentabilidade e impacto social de LALIGA, con proxectos como LALIGA Genuine, a primeira liga do mundo para persoas con discapacidade.
Na segunda xornada do encontro, programada para o 30 de outubro, os integrantes de ambos os Fórums realizaron a actividade “Audi performance experience” no Circuito de Madrid Jarama – RACE. A experiencia incluía unha clase teórica con instrutor, para a aprendizaxe das prestacións dos vehículos, a importancia dos pneumáticos e como actuar ante calquera imprevisto, e unha sesión práctica de condución deportiva en circuíto, con técnicas de freada a gran velocidade ou de trazado de curvas.
Posteriormente, compartiron un xantar co empresario familiar Alberto Zoilo Álvarez nun dos seus restaurantes no centro de Madrid, o Roostiq Madrid. Durante a comida, o expresidente de ADEFAM e actual presidente executivo do Grupo Antonio Álvarez explicou a súa experiencia como emprendedor no sector da restauración, á marxe do grupo familiar que preside.
Pé de foto: Foto de familia, tras a actividade “Audi perfomance experience”



