Osborne suxire non mesturar propiedade, consello e dirección

Osborne suxire non mesturar propiedade, consello e dirección

22 de setembro de 2021. O presidente do grupo Osborne, Ignacio Osborne, recomendou onte para a boa gobernabilidade das empresas familiares non confundir nin mesturar os tres ámbitos básicos de traballo nunha empresa: a propiedade, o consello de administración e a dirección/xestión. “Son tres ámbitos que non se poden confundir. Moitas veces, a algún de nós, tócannos os tres ámbitos. Pero, aínda que teñas os tres gorros, é moi importante diferenciar o ámbito de cada un”, explicou Osborne, entrevistado pola xornalista Ana Samboal no marco do programa A empresa familiar comparte.

O empresario andaluz participou onte pola tarde na charla organizada polo Instituto de Empresa Familiar de España, ao que pertence a Asociación Galega da Empresa Familiar, onde defendeu que a empresa familiar “aguanta mellor do emprego” ao caracterizarse por ser “máis resistente a facer restruturacións drásticas”.

Osborne é unha das marcas máis coñecidas de España, representada polo mítico touro situado estratexicamente nas estradas españolas. A empresa comercializa bebidas alcohólicas, xamón de Jabugo e é propietaria da cadea de restaurantes Cinco Jotas. A compañía adquiriu o 30% da firma galega de xenebra Nordés, á que apoia no seu crecemento e aporta a súa capacidade de comercialización e distribución. O grupo andaluz ten 1.000 empregados e factura 159 millóns de euros.

Ignacio Osborne expuxo as que considera que son as dúas claves do éxito das empresas familiares: anticipación e primar o negocio. “O interesante é anticiparse. Hai que ir por diante dos problemas no establecemento das regras do xogo e antepoñer sempre o negocio á familia”, sinalou o presidente de Osborne.