01 Xul “Precisamos competitividade fiscal para reter industria en Galicia”
1 de xullo de 2021. O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, puxo o foco na necesidade dunha mellora da competitividade fiscal en Galicia para poder reter e atraer industria, ademais de outras medidas como reducir burocracia e mellorar a oferta de solo industrial.
“Estamos nun curruncho do mapa, temos unha loxística máis cara e complicada que outras zonas de España e temos que poder equipararnos en todos os aspectos. Precisamos competitividade fiscal para reter industria en Galicia e para traela de fóra. A administración non é consciente do papel tractor da fiscalidade,” sinalou durante a súa participación no foro Galicia 2030: reinventar a industria da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
Nogueira abordou a progresiva perda de tecido industrial en Galicia. A pesar de que o peso da industria sobre o PIB galego, do 18,5%, é 2,5 puntos superior á do conxunto de España, o presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar lembrou que o obxectivo de acadar o 20% en 2020 non se cumpriu. “Existe un grave risco de perder a industria que temos, que é tractora de emprego e PIB, e do sector servizos”, explicou Nogueira, aportando o dato de que Galicia “capta cinco veces menos investimento internacional en empresas do que realiza fóra do Estado”. “Unha estrutura económica sen industria é frouxa e está suxeita a terribles impactos”, indicou.
O apoio ás empresas familiares, que representan 9 de cada 10 compañías con sede en Galicia, foi outra das claves aportadas por Víctor Nogueira para o impulso da industrialización na comunidade. “Somos as empresas que viven aquí: somos polo de atracción para outras empresas auxiliares. As compañías con raíces non teñen en conta só criterios económicos para estar en Galicia: ou é que non lle resultaría más fácil a Abril ter as súas plantas de aceite en Andalucía? Ou a Estrella Galicia montar unha nova planta no Mediterráneo no canto de ampliala en Galicia?”, concluíu.
O foro da CEG contou coa participación de empresarios familiares dalgunhas das compañías máis relevantes de Galicia: Carmen Lence, de Leche Río, Jesús Manuel Alonso, de Jealsa, Emilio Pérez Nieto, de Pérez Rumbao, e Justo Sierra, de Urovesa. A inauguración do foro estivo a cargo do presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, e do conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde.