Proxectos de emprendemento sostible do IES Xoán Montes de Lugo e do IES Félix Muriel gañadores do concurso de Empresa Familiar nas Aulas da AGEF e Afundación

 

4 de xuño de 2024.Dous proxectos do IES Xoán Montes de Lugo e do IES Félix Muriel de Rianxo (A Coruña) resultaron gañadores do concurso “Emprender é soñar, apúntaste?”, organizado pola Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) e Afundación Obra Social ABANCA, no marco da IV edición do programa de emprendemento Empresa Familiar nas Aulas.

Na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) o primeiro premio recaeu en “Elsaméticos”, presentado por un grupo de cinco estudantes do IES Xoán Montes de Lugo. O seu proxecto de empresa céntrase na fabricación de produtos cosméticos a partir de residuos orgánicos (cascas de laranxa) e contempla a recollida das cascas nas propias plantacións, a súa transformación en produtos cosméticos de alta calidade (champú, xabón, deterxente e ambientador), o envasado en botes reciclados e con posibilidade de reciclaxe posterior, e unha campaña de márketing en redes sociais.

Na categoría de Bacharelato, o premio recaeu no proxecto “A Gran Laranxa”, presentado por catro alumnos do IES Félix Muriel de Rianxo (A Coruña). Trátase dun proxecto de empresa enfocado á reutilización de laranxas en mal estado para fabricar produtos de valor engadido, como caixas, cestas, ambientadores ou roupa. Comprometido coa redución do desperdicio alimentario, a sustentabilidade e o apoio á comunidade agrícola, o proxecto inclúe un ciclo de charlas de concienciación en centros educativos e titoriais na súa web, ademais do uso activo de redes sociais en plataformas como TikTok para viralizar a súa mensaxe e chegar a un público máis amplo.

Máis de 900 alumnos de toda Galicia e 18 empresas familiares

Xunto aos dous gañadores, resultaron finalistas na categoría de ESO os proxectos “Orange Time”, do centro O Pilar Maristas de Vigo, e “Sacex”, do San José de Cluny de Santiago de Compostela. En Bacharelato, foron finalistas o proxecto “Lillan”, do IES A Sangriña, da Guarda (Pontevedra), e “Splastic,” do IES María Casares, de Liáns (A Coruña). En total, concursaron un total de 29 proxectos de estudantes de ESO de oito institutos galegos e 6 de alumnos de Bacharelato doutros catro centros.

Nesta cuarta edición do programa Empresa Familiar nas Aulas, que impulsan AGEF e Afundación Obra Social ABANCA co obxectivo de fomentar o espírito emprendedor dos mozos galegos, participaron máis de 900 alumnos de toda Galicia e 18 empresas familiares socias de AGEF.

Nesta edición, ademais de charlas de empresarios familiares en centros educativos e visitas dos estudantes ás compañías participantes para reforzar os contidos académicos relacionados coa empresa, incluíuse a impartición dun taller práctico de economía circular. O propósito era atopar solucións innovadoras para reutilizar materiais e transformalos en produtos ou servizos de valor engadido, coa axuda de ferramentas de prototipado e modelos de design thinking. Os alumnos de ESO e Bacharelato traballaron en equipos de entre catro e seis persoas, cada un asignado cun público obxectivo e a un residuo específico, para identificar necesidades ou oportunidades, crear un concepto de empresa e presentar os seus traballos finais ao concurso Emprender é soñar, apúntaste?, cuxos premios e diplomas entregáronse hoxe en Santiago de Compostela.

O xurado do concurso, integrado por José Bernardo Silveira Martín, presidente de AGEF; José Manuel Mourela, xerente do departamento de RSC de Afundación; Berta Rivera Castiñeiras, directora da Cátedra de Empresa Familiar UDC; e Carlota López Pardo, adxunta á presidencia de Aresa Investimentos, valorou en todos os proxectos as ideas, o produto final, o traballo en equipo e as habilidades de comunicación dos participantes.

O presidente de AGEF, José Bernardo Silveira, encomiou o gran traballo realizado por todos os estudantes que participaron no certame e no taller de economía circular. “O noso obxectivo con esta formación práctica é a de fomentar o espírito emprendedor e concienciar aos estudantes sobre a importancia do coidado do medioambiente, proporcionándolles ferramentas prácticas e exemplos reais de empresa. Para completar os seus proxectos, os alumnos realizaron as cinco fases do proceso: empatizar, idear, seleccionar ideas, prototipar e presentar finalmente un concepto de empresa innovador, sostible e con viabilidade de negocio”.

Pedro Otero, director xerente de Afundación, felicitou “a todos os participantes polo extraordinario resultado e polo esforzo que dedicastes a elaborar as vosas propostas, que, cónstame, puxeron en apertos aos integrantes do xurado. Non lles foi nada sinxelo alcanzar unha decisión, precisamente, porque calquera dos proxectos finalistas podería alzarse co primeiro premio. Situastes o listón moi alto, demostrastes saber conxugar economía, ética e sustentabilidade. E por iso mesmo, trasládovos o noso profundo recoñecemento, e debo dicirvos que nos resulta alentador comprobar a vosa implicación e resolución”.

Sobre AGEF

A Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) é a principal asociación de empresas con raíces, sede social e vocación de permanencia en Galicia, coa misión de fortalecer e dar continuidade ás empresas familiares de orixe galega. A asociación está integrada por máis de 60 empresas familiares de Galicia, que reúnen unha facturación conxunta superior aos 15.000 M€ e un persoal global de 55.000 empregados. As empresas familiares representan o 92,4 % do tecido produtivo galego e dan emprego directo a 371.000 persoas.