Proxectos do Colexio Cluny de Santiago e do IES Sangriña gañan o concurso “Emprender é soñar, apúntaste?” de AGEF e Afundación

14 de maio de 2025.-Dous proxectos de mobilidade sostible do Colexio San José de Cluny, de Santiago, e do IES Sangriña, da Guarda (Pontevedra), resultaron gañadores do concurso “Emprender é soñar, apúntaste?, que convoca a Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) coa colaboración de Afundación, a Obra Social de ABANCA.

O Colexio San José de Cluny, de Santiago, gañou na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) co proxecto “AiTina”, unha aplicación de navegación guiada e adaptada para persoas con mobilidade reducida ou con discapacidades sensoriais, deseñado por un grupo de seis estudantes. Cunha interface amigable e acción por voz, o proxecto contempla unha app para telefonía móbil e unha futura pulseira intelixente.

O IES Sangriña da Guarda, pola súa banda, gañou o premio de Bacharelato co proxecto “Hologramas GhiGha”, presentado por cinco alumnos. A súa solución de mobilidade sostible permite que un profesor de ESO, residente na cidade, poida impartir clases a distancia no rural mediante un holograma de si mesmo.

Xunto aos dous gañadores, resultaron finalistas na categoría de ESO os proxectos “Ecoamaxa”, do Colexio San José de Cluny, de Santiago de Compostela; “Favor Link”, da Fundación Educativa Sofía Barat-Sacro Corazón-Praceres, de Pontevedra; “Airbyfly” e “Mobypet”, do IES Xoán Montes, de Lugo; e “Work & Go”, do Colexio María Auxiliadora Salesianos, de Vigo.

As solucións “Ecopet”, do IES A Sangriña da Guarda (Pontevedra); e “City Sounds” e “Single Parents Support”, do Colexio María Auxiliadora Salesianos de Vigo, foron os proxectos finalistas da categoría de Bacharelato.

Máis de 1.000 alumnos e 23 empresas familiares

En total, presentáronse ao concurso 33 proxectos, desenvoltos por 171 alumnos dunha decena de centros educativos galegos. O certame, que salienta o papel e a importancia das empresas familiares como dinamizadoras de ecosistemas de emprendemento, pon fin á quinta edición do programa “Empresa familiar nas aulas”. Nel participaron máis de 1.000 alumnos de toda Galicia e 23 empresas socias de AGEF, co obxectivo de fomentar o espírito emprendedor dos mozos galegos.

O programa incluíu charlas de empresarios familiares en centros educativos, visitas dos estudantes ás compañías participantes e talleres prácticos de emprendemento, nos que participaron 304 alumnos. Os estudantes traballaron en equipos de entre catro e seis persoas, cada un cun público obxectivo distinto, e co reto común de atopar solucións innovadoras de mobilidade sostible, adecuadas ás necesidades do perfil asignado. O propósito era deseñar e presentar aos seus compañeiros un proxecto de negocio innovador, utilizando a metodoloxía design thinking e as súas cinco fases: empatizar, idear, seleccionar ideas, prototipar e presentar. Os grupos tiveron ademais a oportunidade de mellorar os proxectos de empresa de mobilidade sostible, traballados nos talleres, para concursar no certame “Emprender é soñar, apúntasche?”, cuxos premios e diplomas entregáronse hoxe en Santiago.

O xurado, integrado por José Bernardo Silveira Martín, presidente de AGEF; Pedro Otero, director xerente de Afundación; Carlota Sánchez-Montaña, coordinadora adxunta de Educación Superior de Afundación; Elena Rivo, directora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo; Francisco Negreira del Río, CEO de Galuresa; e Margarita Hermo, directora de AGEF, tivo en conta as ideas, produto final, o traballo en equipo e as habilidades de comunicación dos participantes para valorar todos os proxectos.

O presidente de AGEF, José Bernardo Silveira, encomiou a motivación e esforzo dos estudantes e a gran calidade de todos os proxectos presentados. “Gústame pensar que con este programa creamos un espazo para que deseñedes e deades forma ás vosas ideas para o futuro. Pasastes de ser estudantes a creadores de solucións reais, a utilizar a innovación e o talento para deseñar un proxecto de negocio que, quen sabe?, podería deixar de ser un soño para converterse nun futuro negocio prometedor”.

Pola súa banda, Pedro Otero, director xerente de Afundación, destacou a relevancia de contar con proxectos asentados en valores, como os presentados. «Debemos coidar o noso medio ambiente, debemos promover a solidariedade, o respecto e a cohesión como valores fundamentais para o desenvolvemento. E vós reflectístelo á perfección nas vosas propostas para este concurso, asentadas nos principios fundamentais do compromiso ético e do respecto cara a todas as persoas, para buscar a cohesión e inclusión que nos permitan avanzar en conxunto. En definitiva, alégranos saber que sodes o noso futuro e estamos moi orgullosos de todas e todos vós».

Pé de foto: Grupo de gañadores e finalistas do concurso Emprender é soñar, apúntaste?