Que sabemos ata agora sobre os fondos europeos?

Que sabemos ata agora sobre os fondos europeos?

26 de febreiro de 2021. Un ano despois do estalido do coronavirus en toda Europa, continúa a incertidume entre as empresas galegas, na súa maioría pemes e microempresas, sobre como recibir financiación dos fondos europeos de recuperación. O 27 de maio de 2020, en resposta á crise económica provocada polo avance da pandemia da Covid-19, a Unión Europea acadou un acordo histórico a través do Fondo Europeo de Recuperación – Next Generation EU, un paquete de axuda económica de 750.000 millóns de euros para impulsar a recuperación dos estados membros mediante proxectos baseados na sustentabilidade, a igualdade, a cohesión territorial ou a dixitalización. A falta de contar cunha data concreta de chegada dos fondos a Galicia, sabemos que chegarán ás empresas en forma de convenios entre o Estado e as comunidades autónomas no período 2021-2026.

A Asociación Galega da Empresa Familiar avoga porque todos os proxectos galegos que se presenten –de grandes, medianas e pequenas empresas– sexan escoitados no centro de toma de decisións sobre o reparto dos fondos, e tamén incide en que se escollan aqueles proxectos que axuden á economía real de Galicia, é dicir, ás necesidades reais da economía galega, garantindo o seu desenvolvemento, xeración de emprego e riqueza.

En que fase se atopan os fondos na Unión Europea?

O pasado 10 de febreiro, o Parlamento Europeo aprobou o acordo político acadado sobre o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), no que se enmarcan os fondos Next Generation. Esta aprobación posibilita a entrada en vigor dos fondos de recuperación a partir da segunda quincena de febreiro.

Cando chegarán a España?

A partir do 15 de agosto, os estados membros poderán presentar oficialmente os seus plans nacionais de recuperación e resiliencia, para ser evaluados pola Comisión e adoptados polo Consello Europeo. Un prefinanciamento do 13% porase a disposición dos estados membros unha vez aprobados os plans, para axilizar a súa chegada o antes posible. Tanto pequenas como medianas e grandes empresas poderán optar aos 140.000 millóns de euros que se van repartir en proxectos de toda España.

Cantos deses fondos chegarán a Galicia?

O reparto de todos estes recursos nos estados membros está avanzado, pero aínda haberá que agardar para coñecer a súa distribución por comunidades autónomas. Ángel Luis Tarrío Tobar, subdirector xeral de Planificación da Xunta de Galicia, sitúa en marzo o comezo do reparto das diferentes partidas de axudas ás empresas galegas.

Cando estará dispoñible o borrador deste programa de recuperación?

Segundo o calendario que prevén dende a Xunta de Galicia, o borrador do programa operativo chegaría despois do verán 2021, pendente da súa aprobación en 2022. “Chegará un volume importante de recursos, en parte xestionados pola Xunta de Galicia, que se van engadir aos plans vixentes e estarán operativos antes de 2023 a través do Igape, da Consellería de Emprego e Igualdade”, destaca Tarrío Tobar.

Como se poderán beneficiar as empresas galegas destas axudas europeas?

As empresas poderán beneficiarse das axudas a través dos programas nacionais de gasto de recuperación e resiliencia, que se xestionarán a través de distintas fórmulas de colaboración a través de convenios coas comunidades autónomas no período 2021-2026.

Cal é a finalidade dos fondos europeos de recuperación?

A finalidade dos fondos de recuperación é a de transformar a economía, facendo investimentos e reformas do sistema económico actual mediante a financiamento de proxectos tractores importantes como, por exemplo, de signo verde e de enerxías renovables, e outros na mesma liña en materia de vivenda, medio ambiente ou transformación dixital, entre outros.

Haberá convocatorias adicionais para pemes que presenten outro tipo de proxectos?

Ademais destes grandes proxectos tractores, existirán convocatorias abertas que financiarán proxectos de temas de interese para cada territorio. “A loita contra o reto demográfico é un dos principais temas de interese para a nosa comunidade, ademais de outros de interese común, como proxectos que reforcen o sistema sanitario, faciliten o investimento nas pemes e axuden ás compañías de sectores en crise pola incidencia da Covid-19; e tamén proxectos enfocados cara á transición dixital e á adopción de políticas de emprego, formación e loita contra a desigualdade”, explica o subdirector xeral de Planificación.

Todas as empresas galegas poden recibir estas axudas?

Os fondos europeos Next Generation son unha oportunidade para que as empresas familiares, que representan o 92,4% do tecido empresarial en Galicia, revitalicen a economía apostando por proxectos dinamizadores que se enmarcan nos obxectivos de sustentabilidade, dixitalización, igualdade, cohesión territorial e transformación sustentable da economía que promove a Unión Europea. Todos os sectores produtivos das compañías galegas poden acollerse a estas directrices europeas.

Que poden facer as compañías de cara a posicionarse e prepararse para recibilas?

As claves para as empresas familiares galegas (que son maioritariamente pemes) no contexto actual, pasa por agardar a que cheguen os recursos dedicados a estas liñas de traballo transformador da economía. “As empresas deberán estar atentas ás manifestacións de interese de cada ministerio, xa que dan unha gran pista dos proxectos que se poderán presentar como, por exemplo, en materia de mobilidade, de renovables ou sobre o reto demográfico”, engade Tarrío Tobar.

Existen outros programas de recuperación a nivel europeo?

Ademais dos fondos Next Generation EU, existen outros 10.000 millóns de euros pertencentes aos fondos REACT-EU que se xestionarán dende as comunidades autónomas para a axuda á recuperación económica a curto prazo. Galicia conta cunha asignación de 440 millóns de euros, que se incorporarán aos fondos FEDER 14-20, vixentes na actualidade, cun prazo de execución ata 2023.

“Dentro do marco financeiro 2021-2027, aínda se descoñece a contía que recibirá Galicia ao tratarse dun período inferior ao actual, aínda que a fórmula manterase similar á do 2014-2020, con programas operativos plurirrexionais xestionados polo Goberno e, outra parte, pola Xunta de Galicia”, engade o subdirector Xeral de Planificación do executivo autonómico.