28 Ago “Queremos rexuvenecer o Fórum, introducir o futuro”
28.08.2023. Antón Fonseca (Vigo, 1988) é o novo presidente do Fórum Xoves da Asociación Galega da Empresa Familiar, a organización que integra as xeracións do relevo das empresas galegas. Fillo de Xosé María Fonseca Moretón, presidente e fundador da bodega Terras Gauda, Antón Fonseca presenta o seu mandato no Fórum como “unha oportunidade para rexuvenecer a entidade e ir metendo o futuro na organización”.
Que aporta o Fórum Xoves ás novas xeracións de empresarios?
Cando es novo non é tan doado estar en contacto con outros empresarios que che aporten experiencia, coñecemento e consellos. É un privilexio poder compartir, debater e aprender cousas moi útiles para o noso traballo. Somos un grupo moi cohesionado e para min é unha honra poder estar aí.
Cal é o seu proxecto para o Fórum?
Temos dúas prioridades. A primeira é intentar rexuvenecer o Fórum, os membros máis activos xa temos unha idade que supera os meus 35 anos; queremos rebaixala e ir sumando ao Fórum o futuro das nosas empresas. A segunda, todos temos ao longo do ano moitas actividades propias das nosas responsabilidades, penso que o reto é facer menos cousas, pero de maior notoriedade.
Considera que as empresas familiares poderían aproveitar mellor o gran apoio social co que contan?
Somos empresas máis próximas, unha empresa familiar pode ser un pequeno negocio local ou unha multinacional, pero todas comparten algunhas preocupacións que non son alleas en moitas familias. Hai empresarios e empresas de todo tipo, mais é certo que as empresas controladas por unha familia, as empresas con cara e ollos, teñen a parte romántica de ter todos os ovos na mesma cesta e unha implicación profesional, mais tamén persoal. É certo que temos mellor acollida social, pero somos empresarios, aínda temos que traballar para mellorar a nosa imaxe en algúns sectores da poboación.
Por que as empresas familiares predominan en Galicia máis que noutras autonomías de España?
Os galegos somos un pobo moi noso, pero con vocación universal. Entre as empresas familiares galegas hai líderes estatais e internacionais. É unha consecuencia de ter en Galicia un mercado pequeno, pero con grandes empresarios que souberon abrir unha xanela ao Atlántico e a Europa para poder medrar. Ademais, temos a sorte de contar con familias empresarias moi emprendedoras que teñen claro que o importante é a marca e que a reputación da marca vai moi ligada á reputación da familia.
Cal é o seu papel en Terras Gauda?
Carmen, a miña irmá, e mais eu conformamos a segunda xeración e somos perfectamente complementarios. Eu son o vicepresidente executivo e teño un perfil máis comercial e ela é máis técnica. O noso obxectivo inmediato é consolidar o grupo actual, logo das últimas adquisicións nas principais áreas vitivinícolas do país [Terras Gauda está integrada polas bodegas do Rosal, Bodegas Pittacum no Bierzo, Quinta Sardonia en Valladolid, Heraclio Alfaro na Rioxa e pola conserveira vexetal A Rosaleira no Rosal].
Como se presenta a colleita 2023?
Moi boa! No caso de Rías Baixas, agardamos que sexa unha das mellores, tanto en rendemento como en calidade. Ao contrario que noutras zonas, aquí os anos de moita calidade, normalmente son anos tranquilos climaticamente, o que tamén normalmente se traduce en cantidade. As empresas vitivinícolas temos un punto poético, porque dependemos moito do clima. Por exemplo, o cambio climático está a facer adiantar as vendimas en case 10 días. Estamos ao longo de todo o ano interpretando o mellor para as viñas.
Na imaxe, Antón Fonseca nas instalacións de Terras Gauda. Punto GA / Miguel Riopa.