Reganosa recibe a visita de 34 directivos das empresas familiares galegas

14.09.2023. Os directivos de 34 empresas familiares galegas visitaron este xoves 14 a terminal de GNL de Reganosa en Mugardos (A Coruña). A iniciativa de visitar empresas con sede en Galicia é un dos obxectivos da Asociación Galega da Empresa Familiar para potenciar as relacións entre as empresas e aprender do coñecemento da actividade e os distintos modelos de negocio das compañías.  

A sesión comezou coa benvida e unha breve introdución a Reganosa por parte do presidente e conselleiro delegado do grupo Gadisa, Roberto Tojeiro. Durante a visita os asistentes puideron coñecer sobre o terreo o funcionamento dunha planta de regasificación (a única que existe en Galicia) e a historia da planta desde o nacemento do proxecto, en 1999, ata a actualidade da man do director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas.

Reganosa, grupo público-privado participado desde a súa orixe pola Xunta de Galicia, está integrado no grupo Gadisa, que conta con outras divisións nos sectores da madeira (Intasa), químico enerxético (Forestal), primario, transporte, inmobiliario ou distribución alimentaria (Gadis).

Reganosa é a primeira multinacional galega de enerxía. De acordo cos principios de seguridade, eficiencia e flexibilidade, desenvolve unha actividade clave na transformación do modelo enerxético e na mitigación dos efectos do cambio climático. Opera activos básicos para a seguridade da subministración en Europa e África, é líder mundial na xestión de terminais de GNL de terceiros e posúe a súa propia en Mugardos. Nos últimos anos prestou servizos de diverso tipo en 21 países de catro continentes. Actualmente, ademais, desenvolve proxectos de hidróxeno verde, renovables, eficiencia, almacenamento enerxético, dixitalización e economía circular.

Na imaxe, os 34 directivos das empresas familiares na terminal de GNL ante a planta de Reganosa.