Sobresae o compromiso social na II edición de `Imaxina a túa empresa´

Entrega de premios Imaxina a túa empresa Punto GA/ M.Riopa

30.08.2022. A II edición de Imaxina a túa empresa, concurso integrado dentro do programa Empresa Familiar nas aulas (organizado pola Asociación Galega da Empresa Familiar e Afundación, Obra Social ABANCA), singularizouse polo compromiso coa sociedade dos escolares nas propostas das súas empresas ideais.

Os proxectos gañadores centráronse na saúde mental e no medio ambiente. Os estudantes composteláns do colexio San José de Cluny idearon unha compañía que xera enerxía mediante máquinas deportivas nas vivendas e as alumnas ourensás do colexio Divina Pastora de Ourense, un podcast sobre saúde mental creando espazos seguros para os máis novos.

O presidente de Afundación, Pedro Otero comenzou a gala de entrega de premios, que tivo lugar o pasado mes de xuño na sede de Afundación de Santiago de Compostela, dicindo que “ resúltounos sen dúbida moi gratificante comprobar o bo resultado dos proxectos e das accións presentadas, que teñen que ver coa empresa familiar, coa economía e coa sociedade. Non é nada sinxelo, nin a vosa idade nin á nosa”.

Víctor Nogueira, presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar afirmou que “sodes un sopro de aire fresco nestes momentos que se están vivindo a nivel persoal, empresarial e a nivel económico.”

O alumnado e profesorado tiveron a oportunidade de dar unhas palabras de agradecemento e expresar o que significou para eles participar neste certame. “Quixera reiterar as miñas felicitacións a Afundación e á Asociación Galega da Empresa Familiar por fomentar este espíritu emprendedor dos máis novos a través destes programas”, destacou Rosa Cacheda, profesora o colexio San José de Cluny.

E. Fernández, alumna do colexio Divina Pastora de Ourense e integrante do proyecto Happy Head (gañador na categoría de bacharelato), explicou: “Somos mulleres novas e fortes que fomos quen de facer un proxecto interesante e distinto co obxectivo de sentirnos escoitadas”.