Susana Lourido: “Emprender é unha opción laboral moi interesante”

29 de maio 2024. Susana Lourido, profesora do IES Auga da Laxe (Gondomar), acompañou aos estudantes de 2º de bacharelato na súa visita ás instalacións do Grupo Pereira. A iniciativa forma parte da 4ª edición do programa Empresa familiar nas aulas da Asociación Galega da Empresa Familiar e Afundación ABANCA Obra Social. “Desde o ámbito educativo, queremos que os estudantes comprendan que a súa formación connosco é un paso previo á súa entrada ao mercado laboral e que emprender é unha opción laboral moi interesante”, explica Lourido.

A docente considera que esta experiencia é fundamental para achegar aos alumnos ao mundo real e permitirlles observar de preto como funciona unha empresa na práctica. “Esta iniciativa permítenos mostrar o proceso produtivo dunha empresa, algo difícil de imaxinar desde unha aula” agregou Susana Lourido, destacando que a interacción directa con empresarios e profesionais proporciona coñecementos moi valiosos.

Sara Amigo, unha das alumnas que participaron na visita, destacou especialmente o bo ambiente na compañía, “a guía sempre que se cruzaba cun traballador saudábao polo seu nome e falaba co”. Pola súa banda Patricia Troncoso, valorou positivamente a actividade práctica dentro do programa. “Ver as instalacións en funcionamento foi interesante, pero sen unha charla previa explicativa, a experiencia non sería a mesma”, explica a estudante do IES Auga da Laxe.

Ambas as mozas mostraron o seu interese no emprendemento e expresaron as súas aspiracións de explorar este campo no futuro. “Apeteceríame tentalo porque é unha maneira de descubrir do que uno é capaz” afirmou Sara Amigo, interesada en crear unha empresa de accesorios de moda.

O programa Empresa familiar nas aulas non só busca achegar os estudantes ao mundo empresarial, senón tamén inspiralos a considerar o emprendemento como unha opción viable para o seu futuro. Iniciativas como esta son cruciais para preparar á próxima xeración de líderes empresariais de Galicia.

 

Imaxe: Ruy Andrade Pereira, responsable de Relacións Externas e Desenvolvemento de Negocio do Grupo Pereira cos alumnos do IES Auga da Laxe. FOTO: Punto GA | M.Riopa