24 Abr Talleres de emprendemento e creación de solucións innovadoras de mobilidade sostible
24 de abril de 2025.– O programa educativo “Empresa familiar nas aulas”, que impulsan a Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) e Afundación, dá a oportunidade aos centros educativos e alumnado de participar en talleres de emprendemento. Nesta quinta edición, as actividades formativas centráronse en buscar solucións de mobilidade sostible, desde un enfoque innovador.
Os estudantes de cada centro educativo asistiron a un taller presencial de 3 horas, impartido pola academia de innovación educativa Vermislab, que conta cun equipo multidisciplinar de alto nivel en ámbitos como a psicoloxía, pedagoxía, enxeñería e o deseño. Os futuros emprendedores traballaron en equipos de entre catro e seis persoas, cada un cun público obxectivo distinto, e co reto común de atopar solucións innovadoras de mobilidade sostible, adecuadas ás necesidades do perfil asignado. O propósito era deseñar e presentar aos seus compañeiros un proxecto de negocio innovador, utilizando a metodoloxía design thinking e as súas cinco fases: empatizar, idear, seleccionar ideas, prototipar e presentar.
Unha vez finalizado o taller e nun prazo de tres semanas, os grupos tiñan ademais a oportunidade de mellorar os proxectos de empresa de mobilidade sostible, traballados nos talleres, para concursar no certame Emprender é soñar, apúntasche?, que o próximo mes de maio premiará as mellores solucións.
Para Enrique Saavedra, socio de Vermislab e coordinador dos talleres, é importante crear espazos nos que as novas xeracións poidan “imaxinar, deseñar e dar forma ás súas ideas para o futuro”. En moitas ocasións, “teñen propostas brillantes, pero carecen das ferramentas ou da confianza para levalas adiante. Con estes talleres, buscamos precisamente iso: que comprendan que as súas ideas teñen valor e que, cunha metodoloxía idónea, poden transformalas en proxectos reais”, explica Enrique Saavedra. “Máis aló da aprendizaxe técnica, o que realmente marca a diferenza é o cambio na súa forma de pensar: deixan de verse só como estudantes para comezar a considerarse creadores de solucións, innovadores e emprendedores”.
Pé de foto: Taller de emprendemento de mobilidade sostible