28 Abr Terras Gauda achega ás aulas a súa aposta vitivínicola e os seus proxectos de I+D+i
28 de abril de 2026.– No marco do programa “Empresa familiar nas aulas”, que promovemos en colaboración con Afundación, a Obra Social de ABANCA, un grupo de estudantes do IES A Sangriña da Guarda (Pontevedra) desprazouse hai uns días á adega do Grupo Vitivinícola Terras Gauda, no Rosal, dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas. A visita foi precedida dunha charla de sensibilización sobre a importancia e os valores da empresa familiar na economía e sociedade galega, impartida no centro educativo por Antón Fonseca, CEO do grupo adegueiro.
Con ambas as experiencias, o alumnado tivo a oportunidade de aprender sobre cultura vitivinícola e de empresa e coñecer ademais a historia e a evolución da compañía desde unha pequena elaboradora de viños ata converterse nun grupo adegueiro de referencia, con catro adegas nas principais zonas vinícolas do país (Rías Baixas, Rioxa, Bierzo e Val do Douro). Fonseca detallou ademais na súa presentación a aposta do grupo pola internacionalización, a innovación e o enoturismo e algúns dos seus proxectos de I+D+i relacionados coa recuperación de varietales e chan, o desenvolvemento sostible ou a economía circular.



