09 Out Tona Martínez destaca o arraigamento territorial e o compromiso das empresas familiares galegas no XXIX Congreso Nacional da Empresa Familiar
9 de outubro de 2026.– A presidenta da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF), Tona Martínez, participou o domingo 4 de outubro na mesa redonda «Asociacións de Empresa Familiar: 30 anos vertebrando o territorio», celebrada no Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía, en Madrid, no marco dos actos previos do XXIX Congreso Nacional da Empresa Familiar.
O encontro, moderado polo xornalista Pedro Piqueras, reuniu tamén a Ramón Alejandro, presidente da Asociación da Empresa Familiar de Aragón, e Rosa Tous, presidenta da Asociación Catalá da Empresa Familiar. Os participantes abordaron o papel desempeñado durante as últimas tres décadas polas 18 asociacións territoriais vinculadas o Instituto da Empresa Familiar (IEF), que agrupan a unhas 2.000 compañías familiares de toda España.
Durante a súa intervención, Tona Martínez puxo en valor o labor de AGEF e a vinculación das empresas familiares galegas cos seus territorios de orixe. Neste sentido, destacou cuestións como a continuidade do legado empresarial, a remuda xeracional e o compromiso destas compañías co investimento, a creación de emprego e a formación.
A presidenta de AGEF compartiu así mesmo algunhas das iniciativas impulsadas pola asociación, entre elas o programa «Empresa familiar nas aulas», desenvolvido en colaboración con Afundación, a Obra Social de ABANCA. Esta iniciativa permitiu achegar a realidade e a relevancia das empresas familiares, así como o emprendemento como opción de futuro, a máis de 55.000 alumnos de toda Galicia.
Un congreso centrado na visión a longo prazo
A mesa redonda formou parte da recepción oficial e dos actos previos do XXIX Congreso Nacional da Empresa Familiar, organizado polo Instituto da Empresa Familiar os días 5 e 6 de outubro en Madrid.
Baixo o lema «Centro de gravidade», esta edición do congreso congregou a máis de 700 asistentes, entre representantes institucionais, líderes empresariais e expertos, co propósito de reflexionar sobre a necesidade de recuperar unha visión a longo prazo para afrontar os principais retos de España.



