Tona Martínez inicia o ciclo de conferencias de “Inspirando Presentes”

16 de xullo de 2026.– A presidenta da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF), Tona Martínez, iniciou o pasado 3 de xullo en Lugo o novo ciclo de conferencias de mulleres galegas referentes, impulsado pola Xunta de Galicia no marco do proxecto “Inspirando Presentes”.

Durante a súa intervención, Tona compartiu a súa traxectoria académica e profesional ata a súa incorporación á empresa familiar, un camiño que a levou a converterse na primeira muller da súa familia en formar parte do consello de administración de Finsa e, desde maio de 2026, na primeira muller en presidir AGEF.

A presidenta da asociación puxo de relevo o papel das mulleres na empresa familiar galega, tanto na xestión como nos órganos de goberno, e subliñou a importancia de visibilizar referentes femininos que contribúan ao desenvolvemento económico e social de Galicia.

Tras a conferencia, a presidenta de AGEF participou nun diálogo coa súa prima, a xornalista Mónica Martínez, no que abordaron a influencia dos referentes próximos nas traxectorias privados e profesionais.

O acto foi inaugurado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; e entre os asistentes estaban o delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares; e a alcaldesa de Lugo, Elena Candia.
A conselleira destacou que o ciclo busca “dar un paso máis á hora de visibilizar o talento feminino que hai en Galicia” e puxo en valor a relevancia das empresas familiares no tecido produtivo galego, así como a necesidade de reforzar a presenza de mulleres en postos de liderado e en sectores tradicionalmente masculinizados.
O ciclo “Inspirando Presentes” contará en próximas sesións coa participación doutras mulleres referentes de distintos ámbitos profesionais, entre elas a presidenta do Celta FC, Marián Mouriño; a CEO de Roberto Verino, Dora Casal; a artesá contemporánea Idoia Costa; e a fiscal delegada de Violencia sobre a Muller en Galicia, Elena Esteinger.