18 Mai Tona Martínez toma a vez de José Bernardo Silveira na presidencia de AGEF
18 de maio de 2026.– Tona Martínez foi elixida hoxe nova presidenta da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF), no transcurso da XXVI Asemblea Xeral de Socios da entidade celebrada no Hotel A Quinta dá Auga, de Santiago de Compostela. Convértese así na primeira muller en ocupar a presidencia de AGEF e toma a vez de José Bernardo Silveira, que permaneceu tres anos no cargo.
Tona Martínez agradeceu á Xunta Directiva e a todos os socios o apoio á súa candidatura, destacando “a historia de valentía, risco, dificultade, esforzo e dedicación que hai detrás do éxito de cada empresa familiar e que moitas veces, esquécese, e cústanos transmitir á sociedade. Nós e as institucións públicas debemos fomentar o emprendemento entre os mozos e entre as mulleres que, tradicionalmente, emprendemos menos, polas circunstancias sociais”.
A nova presidenta de AGEF destacou a importancia do legado e o labor daqueles primeiros emprendedores, “que detectaron unha necesidade na sociedade e dedicaron todo o seu esforzo a facelo posible, arriscando o seu patrimonio”. Lembrou ademais o papel das novas xeracións que lles sucederon para “evolucionar e mellorar os proxectos familiares” e subliñou o apoio de “os cónxuxes, tradicionalmente, as nosas nais, avoas, bisavoas, etc., sen cuxa labor, tan pouco recoñecida, non existiría a empresa familiar. Porque elas foron e son a outra metade indispensable”.
Durante o seu discurso, Tona Martínez fixo fincapé na importancia e relevancia das empresas familiares na sociedade e a economía galega, que representan máis do 90% do tecido produtivo e xeran máis do 80% do emprego privado na Comunidade. Recalcou, ademais, a necesidade de conseguir “unha contorna de confianza e estabilidade no que se tomen medidas valentes, con visión de futuro, no mundo tan complexo e variable no que vivimos. As empresas familiares son esenciais nesta Comunidade e xeran riqueza que redunda en beneficio de todos.”
Tras as palabras de Tona Martínez, Juan Carlos Escotet Rodríguez, presidente de ABANCA, sinalou que “non é posible predicir que pasará mañá, pero si sabemos que as empresas familiares seguiremos traballando día tras día con seriedade e ilusión para forxar o noso futuro, como sempre fixemos”.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, pechou o acto de clausura, felicitando ao presidente saínte polo seu labor e á nova presidenta pola toma de posesión do cargo. No seu discurso cualificou a AGEF como un asociación fundamental, polo que representa en Galicia “a gran parte do PIB” e fixo alusión á necesidade de reter e retornar talento e á atracción de novos investimentos na comunidade autónoma.
Asistiron tamén ao acto de clausura da XXVI Asemblea o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Ignacio Picatoste, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez.
Durante a Asemblea, AGEF presentou a Memoria de Actividades de 2025, recollendo, entre outros fitos, a celebración da Gala XXV aniversario da entidade, a renovación de convenios coas Universidades de Vigo, A Coruña e Santiago para impulsar as Cátedras de Empresa Familiar, e con ABANCA e Afundación para prorrogar o desenvolvemento do programa educativo “Empresa familiar nas aulas”, no que xa participaron case 5.000 mozos nas súas seis edicións. Tamén se deu repaso, ante os socios reunidos en Santiago, á organización de todas as actividades docentes, encontros ou xornadas para socios, alén de foros e visitas a empresas, organizadas no marco do Fórum Familiar.
Durante a xornada celebrouse, ademais, un debate sobre a IA aplicada á empresa, moderado polo CEO de Grupo Revi, Julio Iglesias García, no que participaron o director de tecnoloxía de tenda de Inditex, Juan Galán, o director executivo de transformación e PMO de ABANCA, Juan Manuel Sánchez-Quinzá, e a directora de proxectos de Subgen AI, Paula Martínez Dieste.
Perfil de Tona Martínez
Licenciada en Dereito, máster en dereito da Unión Europea e especialista en dereito tributario con ampla experiencia en asesoramento a empresas familiares, Tona Martínez é na actualidade secretaria do Consello de Administración de Fincorporativa e conselleira de Finsa, compañía familiar que desenvolve desde hai máis de noventa anos as súas actividades no sector da transformación industrial da madeira.



