Tres empresas familiares ante a pandemia

Tres empresas familiares ante a pandemia

2 de decembro de 2020. Aceites Abril, BVC Artai e Cafés Candelas son tres exemplos de empresas familiares galegas que se viron na obriga de facer fronte á insólita crise del coronavirus. A dixitalización, o teletraballo e a adaptación do negocio en tempo récord a unha nova situación a nivel mundial son algúns dos retos que estas compañías tiveron que asumir, sen perder de vista a aposta polas persoas e o territorio. Así o explicaron no IV Foro de Conselleiros organizado pola Asociación Galega da Empresa Familiar e APD co apoio de KPMG, onde tamén compartiron a súa visión sobre o futuro.

“É importante apoiar as empresas que precisan despexar o camiño da deslocalización, como fan outros países de Europa, e desenvolver programas TIC que favorezan a automatización e a dixitalización tamén nas pemes, e non só nas grandes empresas”, sinalou Elena Pérez Canal, directora de márketing de Aceites Abril. Esta compañía ourensana respondeu ao impacto da crise sanitaria adquirindo ordenadores portátiles e reforzando a súa ciberseguridade. Nestes meses incrementou o seu comercio electrónico. Pérez Canal mencionou tamén a importancia da adaptación a través dos market places ante a anulación de feiras de alimentación, ademais de estudar como aumentar o valor engadido dos produtos.

Aceites Abril desenvolveu a campaña Todo vai saír mellor e iniciou un dispositivo de doazón de aceite para as persoas máis necesitadas. “As empresas familiares podemos adaptar a nosa estratexia sendo socialmente éticas e devolver á sociedade todo o que poidamos”, engadiu Pérez Canal.

Rubén Martínez, conselleiro delegado da correduría de seguros coruñesa Artai, puxo o foco na reestruturación, a produtividade ou a omnicanalidade do traballo como ensinanzas e oportunidades derivadas da crise. “Obtivemos aprendizaxe do impredecible”, sinalou, e fixo fincapé na dixitalización e a ciberseguridade como un investimento. “Nós damos traslado de parte dos riscos que teñen os nosos clientes nos seus programas de seguros, e un deles é o ciberrisco”, engadiu.

Na súa experiencia desde o inicio da crise, moitas das empresas galegas que utilizaron a súa liquidez “para sobrevivir” invístena agora en transformarse. “As urxencias foron o primeiro destino desa liquidez, pero paralelamente están intentando utilizala para poñer en marcha novos modelos e mecanismos de transformación con moito impacto na dixitalización”, observa Martínez.

Outra oportunidade derivada dunha crise global como esta, baixo o punto de vista de Ramón Alonso, xerente de Cafés Candelas, é a proximidade das empresas e os proveedores. “Aínda que nun mundo tan dixital hoxe non hai distancias, cando pechan as fronteiras valoras o proveedor máis próximo, e canto máis próximo é o teu proveedor, máis tranquilidade tes”, opinou, e incidiu na importancia dos produtos de proximidade. “Hai que recuperar esa identidade nacional de produtos próximos, valorar máis o que tes ao lado, potencialo e non ser tan dependentes do que nos vén de fóra. Se hai algo que veño de escoitar ata a saciedade é que a xente co que máis soña é con poder tomar un café coas persoas queridas, e iso paréceme moi bo e oxalá sexa así”, desexou Alonso, quen destacou tamén o papel do teletraballo nesta empresa familiar lucense, que describiu á toda a organización como unha forma de valor engadido e unha vantaxe competitiva.

Xunto coas oportunidades, o xerente de Cafés Candelas puxo de manifesto a situación de incertidume que aínda continúa e as dificultades que atravesan moitas compañías galegas para poder transformarse, xa que deben facer fronte ás perdas. Neste sentido, os tres empresarios familiares puxeron o foco na gran relevancia dos fondos europeos para as compañías galegas e remarcaron a necesidade dunha execución eficiente.

O IV Foro APD contou tamén coa intervención do analista económico Juan Ignacio Crespo e da vicepresidenta do Banco Santander, Isabel Tocino, quen analizaron o impacto da crise do coronavirus na economía española e abordaron os posibles escenarios futuros.