Ylenia Acuña (alumna): “Non é o mesmo que che falen dunha empresa que visitala”

21.03.2023. III EDICIÓN EMPRESA FAMILIAR GALEGA NAS AULAS – ALUMNA (CAFÉ CANDELAS)

 

Ylenia Acuña Moreira é alumna de 4º de Educación Secundario (ESO) no colexio Maristas de Lugo. A estudante coñeceu este trimestre, xunto co resto dos seus compañeiros e compañeiras as instalacións da empresa familiar Café Candelas como parte da iniciativa Empresa Familiar nas Aulas.

“Visitamos Café Candelas, no polígono de O Ceao. Fixemos unha visita por onde gardan o café, onde o producen, onde o envasan… É unha oportunidade para coñecer unha empresa de forma mais didáctica”, conta Ylenia.

“Primeiro veu o xerente de Cáfe Candelas á nosa clase e contounos como foi crecendo a súa empresa. Logo fixemos a visita ás instalacións e ao chegar alí xa o ves doutra maneira. Non é o mesmo que che falen dunha empresa que visitala” defende a alumna.

Para os estudantes, a visita foi unha maneira de coñecer unha das principais empresas de Lugo. Os alumnos destacaron a proba de cafés como un dos seus momentos predilectos da visita, así como o poder coñecer de primeira maneira mano a historia da compañía.

“É moi interesante ver como empezaron sendo dous irmáns con recursos moi limitados e logo conseguiron expandir a súa visión en Lugo e fóra de Lugo. Agora son unha empresa grande e internacional”, conta Ylenia.

“A moitos de nós gustaríanos ter as nosas experiencias de emprendemento no futuro e foi unha inspiración” explica a estudante.

A visita de Café Candelas ao colexio Maristas de Lugo forma parte da iniciativa Empresa Familiar nas Aulas, impulsada pola Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) e Afundación, Obra Social de Abanca. No curso 2022-23, 700 mozos e mozas de educación secundaria (ESO), bacharelato e formación profesional (FP) de 17 centros educativos de toda Galicia participan no programa con 17 empresarios e empresarias das principais empresas familiares galegas.

 

Na imaxe: Ramón Alonso, xerente de Café Candeas, durante a súa charla no colexio Maristas Lugo. Punto GA / M.Riopa.