04 Feb Zendal achega a biotecnoloxía e a empresa familiar a estudantes do Colexio Losada
4 de febreiro de 2026.-O conselleiro delegado do grupo biotecnolóxico Zendal, Andrés Fernández, desprazouse a semana pasada ao Colexio Losada, de Vigo, para impartir unha charla enmarcada no programa educativo “Empresa familiar nas aulas”, que impulsamos en colaboración con Afundación, a Obra Social de ABANCA.
Durante o encontro, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer as orixes, traxectoria e grandes fitos dunha compañía biotecnolóxica da súa contorna, así como a importancia do emprendemento, a innovación e a empresa familiar como motores do desenvolvemento económico e social.
Zendal naceu en 1993 no Porriño (Pontevedra), a partir dun proceso de Management Buy-Out (MBO), liderado por Pedro Fernández Puentes sobre a antiga Cooper Zeltia. Daquel movemento estratéxico xurdiu CZ Veterinaria, primeira empresa do que hoxe é un grupo biofarmacéutico multinacional, especializado en biotecnoloxía, vacúas e produtos para a saúde humana e animal.
Con máis de 800 empregados e plantas produtivas e laboratorios no Porriño, León, Barcelona, Madrid e norte de Portugal, o grupo Zendal está presente en máis de 65 países. Colabora, ademais, con multinacionais, universidades e centros de investigación, para achegar solucións innovadoras aos grandes retos globais en saúde.



