A sucesión, o gran reto da empresa familiar Vinte empresarios participaron no obradoiro ‘Talento e empresa familiar’ organizado pola asociación galega

A sucesión, o gran reto da empresa familiar Vinte empresarios participaron no obradoiro ‘Talento e empresa familiar’ organizado pola asociación galega

20.10.2018. A empresa familiar ten diante de si un novo escenario ao que se ten que adaptar, marcado por unha era dixital nun mundo volátil, incerto, complexo e ambiguo no que hai que tomar decisións. Aspectos como a xestión do talento, a intelixencia emocional e o binomio familia-empresa perfílanse como algúns dos retos máis importantes para garantizar o éxito na sucesión á seguinte xeración, que é o reto máis importante. Estes son algúns dos temas que se abordaron no obradoiro de formación Talento e empresa familiar organizado na Coruña pola Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) e impartido por Deloitte, e que contou coa participación dunha vintena de empresarios e directivos das entidades asociadas.

O vicepresidente de Agef, Joaquín Pérez Bellido, presentou as xornadas e destacou a importancia da sucesión nas empresas familiares para encarar o futuro das compañías.

Segundo se extrae do informe Next generation family business Deloitte 2016só unha de cada tres empresas familiares realiza a transición con éxito dunha xeración á seguinte. Este dato pon de manifesto a necesidade de tomar medidas nas compañías de propiedade familiar, como apostar pola xestión do talento dentro da empresa, unha iniciativa que deu lugar a nove tendencias clave polas que velar: o ecosistema laboral, as novas recompensas, o salto de carreiras a experiencias, o dividendo da lonxevidade, a importancia da cidadanía e o impacto social, o benestar, o trinomio intelixencia artificial, robótica e automatización, a hiperconectividade e os datos.

Joaquín Pérez Bellido, vicepresidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, subliñou a importancia de planificar a sucesión

O plan de sucesión: canto antes, mellor

Unha das medidas máis importantes a tomar nas empresas familiares subliñada nas xornadas é trazar un plan de sucesión coa máxima antelación posible, que contemple alternativas e descarte as expectativas de sucesión non verbalizadas. Neste sentido abordouse como prioritario o desenvolvemento do talento, tanto do que xa existe na empresa como do que se atrae de fóra, para elaborar un bo plan de transición á seguinte xeración.

O encaixe das persoas que traballan na empresa na cultura familiar corporativa é outro dos elementos clave para garantir o éxito sucesorio, polo que se fai necesario tomar medidas para asegurarse de que o que se pensa, o que se fai e o que se aparenta estén en harmonía. Accións como dar exemplo ou aliñarse co equipo, tanto os membros da familia como os traballadores externos, son dúas maneiras de transmitir os valores empresariais a todo o corpo de traballo e avanzar con eles cara o futuro.

O 87% dos consultados por Deloitte consideran moi importante equilibrar a preocupación familiar e os intereses do negocio. Este dato fai necesaria unha aposta adicional pola xestión das emocións dentro da empresa familiar, o que implica fomentar as habilidades emocionais, tanto cos demais como con un mesmo (autoconciencia, autorregulación diante dos impactos que veñen de fóra e motivación para seguir avanzando e mellorando). As habilidades emocionais vólvense, en definitiva, indispensables para fomentar o acompañamento no día a día da empresa familiar.

O obradoiro Talento e empresa familiar contou coas experiencias persoais de Alfonso Zamorano, de Grupo AZA, e Daniela e Elisabete Simões, de Familia Simões.