07 Mar As mulleres gobernan o 36% das empresas galegas, o máximo histórico
7 marzo 2023. O 36% da alta dirección das empresas galegas son mulleres, a cifra máis elevada da historia logo de crecer 5 puntos nos dous últimos exercicios. O informe Women in Business 2022 elaborado por Grant Thornton sitúa, por primeira vez, a Galicia na media de representatividade das mulleres directivas no sector privado a nivel estatal.
A representación das mulleres nos consellos familiares é máis elevada en Galicia que no resto da Unión Europea: hai mulleres no 100% dos consellos familiares das empresas galegas, superando en 7 e 14 puntos respectivamente a representatividade femenina nas cúpulas españolas e europeas.
As empresas familiares galegas representan o 92,4% do tecido empresarial privado da Comunidade, unha das cifras máis elevadas de España, o que aporta un 85% da riqueza (PIB) de Galicia grazas ao efecto sede. O 26% dos consellos familiares de Galicia están presididos por mulleres, segundo o último estudo elaborado por The Family Advisory Board e a Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef).
O 41% das empresas familiares galegas naceron cunha muller como fundadora ou cofundadora. Na actualidade, as mulleres son as principais accionistas de 3 de cada 10 empresas familiares.
“Os estudos reflicten unha tendencia de maior incorporación da muller á alta dirección das empresa familiares, que nas empresas non familiares. É certo que tradicionalmente pensábase máis no primoxénito no momento da sucesión, pero na actualidade pesan outros factores, como a preparación e profesionalización do papel directivo”, explica Margarita Hermo, directora da Asociación Galega de Empresas Familiares.
Nos últimos anos, algunhas das máis importantes compañías familiares galegas escolleron a mulleres para o máximo cargo executivo. É o caso de Inditex, Lence, Bimba y Lola, Cortizo, Adolfo Domínguez, Freire Hermanos, Roberto Verino, Megasa ou Aceites Abril, entre outras.
“Queda camiño por percorrer, tanto a hora de ocupar os máximos postos de responsabilidade, como no establecemento de condicións que permitan acadar eses cargos sen prexuízos de xénero. Ano a ano vemos como a situación mellora e vanse superando novas barreiras, iso reafírmanos en que estamos no camiño correcto”, afirma Hermo.
Club de Conselleiras
A Asociación Galega de Empresas Familiares (AGEF) conta dende 2019 cun Club de Conselleiras, un espazo creado para impulsar o liderado das directivas e que xa está integrado por máis de cincuenta participantes.
A Asociación Galega da Empresa Familiar está integrada por 60 das máis importantes compañías familiares con sede en Galicia. As empresas familiares representan o 92,4% do tecido empresarial galego e aportan o 85% do valor engadido bruto (VAB) empresarial e o 86,3% do emprego privado.