Emilio Pérez: “Mantemos os valores dunha empresa familiar”

16.01.2024. Emilio Pérez, conselleiro delegado de Pérez Rumbao, compartiu cos alumnos de 4º de ESO do Colexio Andersen en Vigo a necesidade de integrar na cultura da compañía valores como a proximidade e o arraigamento. “Mantemos os valores propios dunha empresa familiar: o coñecemento da contorna e dos nosos traballadores é esencial” sinalou o directivo.

Fundada en Ourense polo seu bisavó, a compañía celebrou no 2022 o seu centenario de historia. O directivo forma parte da cuarta xeración do grupo, que lidera xunto con outros executivos da familia fundadora. As decisións do día a día dunha empresa son moi similares ás dunha familia,” explicou o empresario aos estudantes.

O conselleiro delegado de Pérez Rumbao tamén explicou aos estudantes o papel clave das empresas familiares como motores da economía. En España, o 89% das empresas son familiares, sendo Galicia a terceira comunidade cun 92% das empresas e unha achega ao PIB do 85%.

Pérez Rumbao é o maior grupo de distribución de automóbiles de Galicia, con máis de 20 sociedades dedicadas á produción e distribución das máis importantes marcas de automóbiles e camións. O grupo xestiona tamén unha planta de produción de carrocerías para autobuses (Unvi), gasolineiras, 10 electrolineras e acaba de investir nunha nova liña de negocio de bicicletas. Cun persoal de 1.337 profesionais, a compañía alcanzou no 2023 unha facturación que supera os 500 millóns de euros.

A conferencia de Emilio Pérez no Colexio Andersen de Vigo forma parte da cuarta edición do programa Empresa Familiar nas aulas. A iniciativa está impulsada pola Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) e Afundación, a Obra Social de ABANCA, co obxectivo de fomentar o emprendemento e achegar aos mozos o coñecemento das empresas con sede en Galicia. Más de 700 mozos da educación secundaria (ESO), bacharelato e formación profesional (FP) de 18 centros educativos de toda Galicia participan este ano no proxecto.

Imaxe: Emilio Pérez no colexio Andersen de Vigo, con alumnos de 4º ESO. FOTO: Punto GA