02 Set 55.000 empregos e 44 millóns de investimento social
2 de setembro de 2020. As 57 empresas da Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef), que reúne as principais compañías de propiedade familiar de Galicia, dan emprego directo a 55.000 persoas e invisten 44 millóns de euros ao ano en investimento social. As empresas asociadas teñen todas elas sede social, fiscal e operativa en Galicia.
O investimento social é un dos aspectos máis salientables das empresas familiares que compoñen a asociación, cun gasto anual en actividades de mecenado aportado a actividades sociais, culturais, deportivas e organizacións non gubernamentais (ONG) da comunidade. Desde o inicio da crise sanitaria do coronavirus, as compañías da Asociación Galega da Empresa Familiar veñen de realizar ademais accións especiais de mecenado e responsabilidade social corporativa dirixidos á axuda das persoas e colectivos máis afectados en Galicia pola pandemia.
Segundo os datos do último exercicio 2019, a riqueza agregada aportada a Galicia foi de 1.700 millóns de euros en 2019, medida en valor engadido bruto (VAB), e xeran unha riqueza en vendas de 11.000 millóns de euros. O beneficio agregado das 57 compañías asociadas en Agef suma 628 millóns de euros.