78% das empresas prevé recuperarse en 2022

7 de maio de 2021. O 78% das empresas familiares españolas prevé volver aos niveis de crecemento anteriores á pandemia en 2022. Así o recolle un estudo de PwC, que destaca a “capacidade de resiliencia” das compañías de propiedade familiar “fronte ás restricións económicas” derivadas da Covid-19.

O informe, elaborado a partir dunha enquisa realizada a finais de 2020 a 2.081 responsables de empresas familiares de todo o mundo, indica que 6 de cada 10 empresarios españois contemplaba unha caída das súas vendas anuais, mentres que a media mundial non chegaba a 5 de 10. Como resposta á crise impulsada pola pandemia, o 36% das compañías familiares españolas tiveron que recortar dividendos, dous puntos máis que a media mundial; mentres que o 24%, tres puntos por riba da tendencia global, recorreu a inxeccións de capital.

A mellora das capacidades dixitais destaca como a prioridade máis importante das empresas familiares en España (59% fronte ao 52% mundial), onde só o 14% das compañías vén de finalizar a súa transformación dixital (fronte ao 19% en todo o mundo).

A sustentabilidade figura como outro dos focos de atención das compañías españolas de propiedade familiar. En España, o 41% das empresas familiares conta cunha estratexia de sustentabilidade definida, por riba da media mundial, do 37%.

“As empresas familiares poden axudar a facer recuperar a confianza baseada na competencia e a ética. Pero prosperar no mundo actual requirirá un cambio de mentalidade, unha reformulación das súas prioridades e comportamentos, incluíndo un maior investimento nas ferramentas dixitais necesarias para a sustentabilidade económica e unha nova definición de legado con respecto á propia familia e á sociedade”, sinala María Sanchiz, socia responsable da área de Empresa Familiar de PwC España.