04 Xuñ “Se ás empresas familiares non lles vai ben, a Galicia non lle pode ir ben”
4 de xuño de 2020.
“En Galicia non nos queda outra! Se ás empresas familiares non lles vai ben, á economía galega non lle pode ir ben”, subliña o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Santiago Lago Peñas. Lago (Vigo, 1971) é coordinador da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, director do Foro Económico de Galicia e coordinador do comité de expertos económicos da Xunta de Galicia para dar unha resposta económica á crise do coronavirus, no que participa a Asociación Galega da Empresa Familiar. As súas perspectivas sobre a economía galega acentúan a importancia do papel das empresas familiares. Lago aporta unha análise optimista: prevé que 2021 podería ser un ano de gran crecemento económico, mais advirte do risco que suporía un segundo confinamento a finais deste ano.
Por que as empresas familiares superan mellor as crises económicas?
As empresas familiares tenden a pensar distinto que outro tipo de compañías. Teñen unha visión de máis longo prazo, que pon a supervivencia e a resiliencia por riba doutros obxectivos. Por exemplo, a rendibilidade a curto prazo. Tamén teñen unha perspectiva diferente no que atinxe aos traballadores. A súa estabilidade e permanencia son un valor que fai que sexan máis reacias a contratar empregados cando as cousas están ben, pero tamén a despedir cando veñen mal dadas, mesmo cun custo en termos de marxe empresarial a curto prazo.
Que cre que pasará coas compañías galegas e a destrución de empresas pola crise sanitaria?
O primeiro a salientar é que os escenarios están aínda abertos. O Foro Económico de Galicia ten debuxado dous escenarios que irían dende o -8.5% ata o -13%. O confinamento levouse case un mes de PIB e agora depende da velocidade á que volvamos á normalidade. As perspectivas nas chamadas fases 1 e 2 son boas. O gasto aprazado polos fogares estase a materializar e hai moitas empresas que están a ter máis demanda da esperada. Os datos de gasto en tarxetas que manexa BBVA Research para o conxunto de España confirman que en Galicia o efecto é particularmente intenso. Polo tanto, hai razóns para un certo optimismo, sabendo que hai ramas produtivas e empresas moi afectadas e que están a sufrir moito.
E sabendo tamén que, se a necesaria recuperación da confianza de consumidores e empresarios torna nun exceso de confianza que nos faga esquecer as normas de saúde pública para controlar a pandemia, todo se pode torcer. Un segundo confinamento no terceiro ou cuarto trimestre semellante ao que temos padecido en marzo e abril levaría á economía a preto do -20% en 2020. Todo un aviso a navegantes.
Volverán ser as empresas familiares un motor económico para a recuperación? Cando chegará esa recuperación?
En Galicia non nos queda outra! Se ás empresas familiares non lles vai ben, á economía galega non lle pode ir ben. Nese senso, a especialización produtiva axuda; a importancia do sector primario e a industria vencellada á alimentación está a ter un bo comportamento, en xeral; o noso sector da automoción está a recuperarse máis rápido que o doutras rexións; o noso turismo é diferente ao doutras partes de España. Xa estamos en fase de recuperación, pero a caída no primeiro semestre vai ser tan fonda que tardaremos en volver ao punto de partida.
Poñámonos de novo no escenario favorable, no que o virus non rebrota con forza, a xente adáptase á nova normalidade e a vacina chega xa en 2021. O nivel de PIB de 2019 non o recuperaremos ata 2022, pero 2021 sería un bo ano, de crecemento moi intenso.
Como coordinador do comité de expertos económicos da Xunta de Galicia na crise do coronavirus, cales son as principais cuestións que se están a poñer enriba da mesa para saír desta situación?
Son moitísimas cuestións nun informe de máis de 120 páxinas feito en tempo récord e no que ten participado, por certo moi activamente, o presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira. As cuestións referidas á liquidez, emprego e ERTEs e solvencia e fortalecemento financeiro xa son públicas e a parte que ten que ver coa reactivación e a dinamización serao en cuestións de días. A verdade é que estamos moi satisfeitos co traballo feito e a receptividade da Xunta de Galicia. Confiamos en que o informe sirva para que a crise sexa algo menos dura para todos.
É un bo ou un mal síntoma que España sexa un dos países da Unión Europea que menos axudas públicas destina directamente ao apoio directo ás empresas e ao emprego?
É verdade que España está a poñer menos recursos públicos que outros para axudar a saír da crise o máis rápido posible. Pero esa é a peaxe que temos que pagar por ter un déficit público excesivo. O noso déficit estrutural pechou 2019 ao redor do -3%. Dos máis altos da Unión Europea. Cunha situación equilibrada, agora teriamos case 40.000 millóns de euros máis de marxe para programas de reactivación. Cando pase todo isto debemos retomar a senda da consolidación fiscal e asumir a necesidade de equilibrarnos para estar preparados para o futuro.
Como valora o papel das novas xeracións das empresas familiares galegas no futuro da economía en Galicia?
Por suposto, é un papel fundamental para o futuro e o éxito dás súas empresas. Pero vou máis aló: son básicas para a nosa economía e a nosa sociedade. Os galegos somos os responsables primeiros do que nos pase. Temos un elevado grao de autonomía para facer as cousas ben ou menos ben. Depende de nós. Eu son un absoluto convencido da importancia de que haxa estratexias de país discutidas e compartidas por todos ou, polo menos, por unha ampla maioría. Empresas, sindicatos, Xunta, sociedade civil, universidades… Galicia ten talento en todas partes, pero temos que aproveitalo, temos que interconectalo.
É fundamental que as novas xeracións de empresarios familiares se interrelacionen cos demais actores para construír conxuntamente. Nunha Galicia máis próspera, todos gañamos. Certo que xa non estamos á cola no ránking español. Cun PIB per cápita do 90% temos xa case tantas comunidades por detrás de nós como por diante. Pero contamos con potencial e recursos para estar máis arriba, para superar o 100% e converternos nun territorio rico en España. E poderiamos facelo antes do 2030 se estivésemos dispostos.