Talleres de economía circular para fomentar o emprendemento

17 de abril 2024. A Asociación Galega da Empresa Familiar e Afundación Obra Social ABANCA inauguran unha nova fase do programa Empresa familiar nas aulas. Na súa cuarta edición, o programa brinda aos centros educativos a oportunidade de participar en talleres de economía circular. O principal obxectivo desta iniciativa é fomentar o espírito emprendedor e concienciar aos estudantes sobre a importancia do coidado do medio ambiente.

Os alumnos traballan en equipos de entre catro e seis persoas, cada un asignado cun público obxectivo e un residuo específico. O propósito destes talleres é desafiar aos estudantes para atopar solucións innovadoras para reutilizar materiais e transformalos en produtos ou servizos con valor engadido. Cápsulas de café, botellas plásticas, roupa ou cunchas de bivalvos, son algúns dos materiais sobre os que traballan.

Para facilitar este proceso proporciónase a cada grupo ferramentas de prototipado e modelos de design thinking, que lles permiten aos estudantes traballar e perfeccionar os seus conceptos empresariais de maneira práctica. O proceso divídese en cinco fases: empatizar, idear, seleccionar ideas, prototipar e presentar, cada unha coidadosamente cronometrada para maximizar a eficiencia e a aprendizaxe.

A empresa encargada de levar a cabo estes talleres é Vermislab, recoñecida polo seu enforque innovador na educación, e por contar cun equipo de profesionais de primeiro nivel en áreas como a psicoloxía, pedagoxía, enxeñería e o deseño. Para Celia Crespo, deseñadora de produto, “os talleres representan unha oportunidade para inculcar valores fundamentais de emprendemento e sustentabilidade nas mentes novas. Ao proporcionarlles ferramentas prácticas e exemplos reais, ensínaselles coñecementos que dificilmente se adquiren na contorna escolar”

O resultado final destes talleres materializarase no concurso Emprender é Soñar, programado para maio, onde se seleccionará entre todos os centros educativos as ideas e proxectos máis destacados. Avaliarase non só o produto ou servizo final, senón tamén o traballo en equipo e a habilidade para comunicalo.

 

Imaxe: Alumnos do IES Auga de Laxe (Gondomar) traballando na súa idea de negocio. FOTO: Punto GA | M. Riopa